Pontevedra non contará con UPR a curto prazo

PONTEVEDRA> A comisaría de Pontevedra non contará cunha Unidade de Prevención e Reacción a curto prazo. Así o confirmou o goberno na resposta á pregunta presentada por Cidadáns no Congreso dos Deputados.

Á pregunta rexistrada no Congreso por Cidadáns sobre a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción en Pontevedra, o goberno respondeu que non o ten previsto “por razóns técnicas” e de “optimización” dos diferentes servizos da Policía Nacional.

As UPR son brigadas de apoio ós antidisturbios que atenden a manifestacións, concentracións ou espectáculos e que, entre outras funcións, se dedican a previr a delincuencia, garantir a orde pública e actuar en emerxencias ou catástrofes.

No mesmo documento indícase que, nos vindeiros anos, está prevista a incorporación dun maior número de efectivos para cubrir vacantes nos cadros de persoal máis deficitarios, pero que nestes momentos non se pode determinar cántos destes novos axentes serán destinados á provincia de Pontevedra.

O voceiro autonómico do sindicato policial UFP asegurou que coas xubilacións previstas a situación “crítica” da comisaría de Pontevedra se agravará.

A UFP convocará mobilizacións para amosar a indignación polo que consideran unha falla de respecto ós policías que se enfrontan cada vez con menos efectivos a situacións máis complicadas.