VILANOVA> O conflito entre concello de Vilanova e Deputación de Pontevedra polo rexeitamento do proxecto da piscina do Terrón chega aos xulgados. Técnicos das dúas administracións están citados a declarar o luns no xulgado contencioso de Pontevedra. O alcalde vilanovés acusou ao goberno provincial de caciquismo.
Técnicos da Deputación de Pontevedra e do concello de Vilanova declararán o luns no Xulgado Contencioso Administrativo de Pontevedra. Farano para dar conta do rexeitamento do proxecto para a construción dunha piscina no marco do Plan de Proxectos Singulares da administración provincial.
Como sucedera coa polémica pola paralización das obras da estrada de Baión, o concello de Vilanova demandou á Deputación. O ente provincial argumenta que o proxecto foi presentado fóra de prazo. Algo que negan dende o concello.
Para o rexedor vilanovés, esta xestión é un exemplo da política que se está a levar a cabo dende a Deputación.
Pola contra, Durán agradeceu a lealdade coa que está a xestionar a Deputación os traballos no auditorio do Esteiro, tras superar os desencontros iniciais. Na actualidade as obras están paralizadas pola falta de materiais. O concello xa solicitou unha reunión para avaliar a situación na que se atopan os traballos.