VILAGARCÍA> Reordenar os pantaláns, ampliar a lonxa e executar a dragaxe do porto. Son as tres actuacións que a conselleira do Mar comprometeu hoxe na súa visita a Carril. O patrón maior, José Luis Villanueva, aproveitou a visita de Quintana para transmitirlle a urxencia das intervencións, xa que as instalacións do seu porto quedaron obsoletas.
Había tempo que a conselleira do Mar non visitaba o porto de Carril, e hoxe Rosa Quintana marchou cunha listaxe de demandas do seu patrón maior. José Luis Villanueva aproveitou para insistir nas vellas reclamacións do sector carrilexo.
Quintana explicou que o seu equipo xa traballa para executar tanto a reordenación dos pantaláns como a dragaxe do porto. Na consellería son conscientes, asegura, das necesidades do peirao carrilexo.
Nesta lista de demandas está tamén a ampliación da lonxa. Algo que segundo a conselleira está tamén na súa axenda, na procura dun edificio que encaixe na súa contorna.
Pola súa banda, Mar anunciou hoxe que as confrarías galegas disporán de 900 mil euros para aumentar a eficiencia enerxética das lonxas, portos e lugares de desembarque de produtos do mar. Os apoios enmárcanse na convocatoria de achegas de 2020 para a modernización das instalacións dos peiraos no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.