SANXENXO> Sanxenxo prepara 13 días para celebrar as súas festas patronais e honrar a Santa Rosalía e á Virxe do Carme. A música será a gran protagonistas durante estas datas con artistas locais, nacionais, grupos tradicionais e orquestras. Entre a celebración destaca a festa da Cebola que regresa con todos os seus premios incluíndo a entrega das cebolas de ouro.
Sanxenxo recuperará as súas festas patronais por todo o alto. O concello presenta unha programación que se estenderá dende o 24 de agosto ao 5 de setembro. Serán 13 días de actuacións e actividades para celebrar o regreso das festas e honrar a Santa Rosalía e á Virxe do Carme.
As festas comezarán o día 24 co chupinazo e a música polas rúas. Pola noite actuará o grupo folclore local Aviñadora e posteriormente a banda Benditos Malditos cantando a Sabina. O día 25 terá lugar o día do turista e o concello retomará a sardiñada popular.
O día do turista pecharase coas actuacións das orquestras Claxon e Marbella. O 26 actuará o grupo Galifán e o 26 e 27 estarán dedicados ao folclore galego, pechará o sábado o grupo Cantigas e Agarimos. O 28 Sanxenxo fai un recoñecemento ao país veciño con fados e a actuación de María do Ceo. Os días 29,30 e 31 dedicaranse a Sanxenxo na historia e o día un aos máis cativos. A partir do día dous a vila comeza a preparase para a feira da cebola con inchables para os máis pequenos e concertos de artistas locais en Silgar, a Rosa dos Ventos e a Praza do Barcos. O día 3 terá lugar a exaltación da cebola e o día 4 comeza a feira, que este ano recupera todos os seus premios.
O día 4 é o máis grande da festa, xa que é o día no que se honra a Santa Rosalía. Ademais das misas e procesións, incluso nocturnas, o sábado pecharase coas orquestras Oca Band e New york, incluíndo un espectáculo pirotécnico. As festas rematarán o día 5 coa homenaxe á virxe do Carme, onde os mariñeiros realizarán a súa ofrenda floral no mar. O punto e final o porán pola noite as orquestras Olympus e La Ola Adn.