O mellor da ría na nosa mesa co cociñeiro Xoanqui Ameixeiras

VILAGARCÍA> Na praza de abastos de Vilagarcía presumen unha vez máis da calidade do seu produto. Desta volta fano a través das xornadas ‘O calendario da ría na túa mesa’, unha proposta que serve para promocionar os peixes e mariscos de proximidade. O cociñeiro Xoanqui Ameixeiras protagonizou hoxe esta actividade, que continuará ao longo dos vindeiros meses.

Nun momento no que o peixe fresco perde peso na nosa alimentación, na praza de abastos de Vilagarcía seguen esforzándose por dar a coñecer á veciñanza tódolos seus beneficios. Desta volta fano a través das xornadas ‘O calendario da ría na túa mesa’, cunha completa oferta de obradoiros que se van prolongar ao longo dos vindeiros meses. Boa parte deles vainos protagonizar o cociñeiro Xoanqui Ameixeiras.

E como xa nos ten acostumados, a súa proposta baséase na cociña de sempre, apostando polos mellores produtos, os que atopou na propia praza.

E ademais, convidando ao público a que reflexione sobre o modelo de consumo no que vivimos. Lembra o cociñeiro que o mellor sempre é apostar polos produtos de tempada, algo que irán demostrando nos vindeiros meses a través destes talleres de cociña.

As xornadas ‘O calendario da ría na túa mesa’ acaban de comezar, contando cunha moi boa resposta por parte do público que, ademais, é do máis variado.