Adolfo Muíños repetirá por terceira vez coma candidato do BNG á alcaldía de Rianxo

RIANXO> O actual alcalde, e candidato á reelección, obtivo o respaldo unánime da asamblea local. O BNG de Rianxo elixiu o peirao de Setefogas para facer a presentación ós medios da candidatura de Adolfo Muíños ás vindeiras eleccións municipais. Aínda que nun primeiro momento pensaba non presentarse, finalmente si o fará. Será por terceira vez, despois de obter o respaldo unánime da asamblea local. O actual alcalde e candidato a reelección aspira a volver a gobernar, agardando mellorar, se cabe, os resultados dos últimos comicios municipais, nos que pasou a ser a primeira forza política, aínda que non suficientes para obter a maioría absoluta. A lista definitiva das persoas que o acompañarán non está polo de agora definida, aínda que todo apunta a que haberá poucos cambios. De revalidar a alcaldía son xa varios os retos que se marca. Continuar coa mellora da situación económica do Concello, avanzar cara o saneamento integral do municipio, seguir coa mellora das instalacións educativas, a construción da futura residencia, o desenvolvemento definitivo do PXOM ou a activación do polígono industrial, entre outros. A presentación oficical da candidatura terá lugar nas próximas semanas nun acto aberto á veciñanza no Cuartel Vello no que se prevé a participación dalgún peso pesado da formación a nivel autonómico.