Ribadumia celebra o Día da Nena co CPI Julia Becerra Malvar

RIBADUMIA> Ribadumia únese á celebración do Día Internacional da Nena. O salón de plenos do concello abriuse para recibir a decenas de alumnos do CPI Julia Becerra Malvar, que reforzaron con diferentes frases a mensaxe que se quixo lanzar dende o goberno local a prol da eliminación da discriminación machista e a igualdade de oportunidades.

Estes son algúns dos chamamentos á igualdade entre nenos e nenas que se deixaron escoitar no salón de plenos de Ribadumia. O concello conmemorou con alumnos e alumnas do CPI Julia Becerra Malvar o Día Internacional da Nena.

Con este compromiso por traballar pola igualdade, o concello adheriuse ao manifesto impulsado dende a Federación Española de Municipios e Provincias. Un texto co que se apela á igualdade de oportunidades e á eliminación da discriminación machista tamén nas idades temperás.

Equipados con cartaces e coa mensaxe ben aprendida, os cativos do Becerra Malvar quixeron amosar a súa concienciación e compromiso con esta loita.

Este día tamén se conmemorou no resto de concellos adscritos ao CIM do Salnés. Cambados, Vilanova e Meis sumáronse a esta denuncia das desigualdades das nenas polo simple feito de ser mulleres. Ademais, as fachadas das casas consistoriais iluminaranse de cor rosa.