VILANOVA> A parroquia de Baión, en Vilanova, acolleu hoxe o primeiro Encontro de Discapacidade do Castro. Trátase dunha iniciativa impulsada por este colectivo no que distintas organizacións puxeron en común os seus proxectos e liñas de traballo. A proposta serviu tamén de punto de encontro para os usuarios das entidades, con obradoiros, teatro e un xantar de confraternidade.
A Asociación Cultural O Castro organizou en Baión, no concello de Vilanova, unha xornada centrada nas persoas con discapacidade funcional. Trátase dunha primeira xuntanza na que se deron cita distintos colectivos, chegados dende distintos puntos. Na inauguración desta iniciativa, dende a entidade anfitrioa puxeron en valor o seu grupo de voluntariado que traballa con persoas maiores ou discapacidade creado no 2015.
Con Eles, precisamente, foi unha das entidades que participou hoxe nesta xuntanza, xunto con Amicos, Ambar, Bata ou Amencer-Aspace, entre outras. Un encontro que máis alá da parte lúdica serviu para poñer en común os proxectos e liñas de traballo que se están a desenvolver en asociacións centrada nas persoas con diversidade funcional.
Ao encontro asistiu a directora xeral de persoas con discapacidade da Xunta. Begoña Abeijón apuntou que eventos como este serven para reflexionar sobre todo o feito e os retos que aínda quedan por diante nesta materia.
A xornada incluíu tamén unha mostra, obradoiros, teatro e un xantar de confraternidade.