“O paso de peóns de Chancelas non pode esperar porque os nosos fillos se están a xogar a súa vida”

POIO> A Xunta de Galicia anunciou nos últimos días que reforzará a seguridade viaria na estrada PO-308 no tramo entre Fontenla e Samieira. Sen embargo, a administración autonómica non comunicou nin aos veciños nin ao Concello cales serán as actuacións que se levarán a cabo. Por iso, os representantes da plataforma PO-308 seguen incidindo na imperiosa necesidade de facer modificacións no proxecto das sendas.

A plataforma PO-308 está de acordo coa execución do proxecto das sendas. Sen embargo, os veciños seguen defendendo que esta actuación non cumpre coas medidas de seguridade viaria necesarias nin no treito que vai dende Fontenla a Combarro nin no que vai dende Combarro a Samieira.

Os membros da plataforma PO-308 mantiveron xuntanzas coa veciñanza co obxectivo de expoñer o proxecto das sendas e recoller todas as opinións. Tras a última reunión, celebrada o pasado venres, a Xunta de Galicia anunciou, a través dos medios de comunicación, que reforzarían a seguridade viaria entre Fontenla e Samieira con varias actuacións complementarias. Sen embargo, esas actuacións, que inclúen a execución dun paso de peóns en Chancelas, dunha glorieta no acceso ao Porto de Combarro e outra na Seca, non foron trasladadas nin aos veciños nin ao Concello de Poio.

Os veciños piden a Xunta de Galicia que teña en conta as súas alegacións e que reforce, de maneira urxente, a seguridade viaria na zona.

Unha demanda histórica por parte dos veciños de Poio que, de momento, non ten data de execución.