O estudo realizado para a ordenanza de mobilidade recomenda 10 kms/h nas rúas de plataforma única

Pontevedra> O concello de Pontevedra  ven de recibir o estudo encargado para a redacción da futura ordenanza de utilización dos espazos públicos e mobilidade amable. A nova normativa substituiría á actual, vixente dende 1987. O informe, elaborado polo experto Fernando Nebot, inclúe unha vintena de recomendacións, coma a de reducir a velocidade de todo tipo de vehículos a 10 quilómetros por hora nas rúas de plataforma única.

O manual técnico “Apoio na elaboración da ordenanza reguladora da utilización dos espazos públicos e mobilidade amable”, redactado por Fernando Nebot, e que se estende ó longo de case 300 páxinas, analiza en detalle as condicións de mobilidade da cidade de Pontevedra, para rematar cunha serie de recomendacións, en total 25, entre as que destaca a redución de velocidade dos vehículos nas rúas de plataforma única ou preferencia peonil a un máximo de 10 quilómetros por hora. Ata o de agora, este tipo de vías teñen a velocidade máxima limitada a 20 quilómetros por hora. Con esta medida preténdese evitar problemas de convivencia e situacións de inseguridade ou atropelos.

A proposta afectaría a todo tipo de vehículos, incluíndo bicicletas e os coñecidos como “vehículos de mobilidade persoal”, que engloban ciclos e patinetes eléctricos. Sobre as bicicletas recomenda a circulación pola calzada ou, no caso de facelo polas beirarrúas, que sexa no mesmo sentido de circulación que os coches. Os menores de dez anos, si poderían circular pola beirarrúa, pero sempre acompañados por un adulto a pé.

Sobre os Vehículos de Mobilidade Persoal, desaconsella a autorización por parte do concello do seu uso, se ben explica que entrar a regular o seu uso sería unha labor excesiva a nivel municipal, dada a falta de regulación no marco da administración central de tráfico.

En canto á segregación do espazo de circulación, desaconséllao, sobre todo se a velocidade máxima dos vehículos é inferior a 50 quilómetros por hora.

Entre as medidas recomendadas tamén están o estreitamento da calzada, acurtar os pasos de peóns con orellas ou lingüetas, ou, no que se refire ós lombos, que cubran toda a calzada, que a pendente non sexa superior a 15 graos ou que estean correctamente sinalizados e iluminados.

O documento será entregado a tódolos grupos políticos da corporación municipal, así coma a colectivos sociais relacionados co ámbito da mobilidade. Acadado o consenso, procederíase a aprobar a ordenanza. En caso contrario, poderíanse implantar coma instrucións internas.