Marea presentará alegacións ó anteproxecto do emisario en apoio ós veciños de Praceres

Pontevedra> Os veciños de Lourizán seguen a recadar os apoios dos distintos grupos políticos pontevedreses para reforzar a súa oposición á ampliación da depuradora dos Praceres. Nesta ocasión foi o voceiro de Marea o que amosou o seu respaldo á plataforma veciñal.

Marea Pontevedra reiterou esta mañá en rolda de prensa a moción presentada no pasado pleno municipal en relación á previsible ampliación da EDAR dos Praceres, pola que, entre outros termos, emprazaban ós concellos de Marín e Poio a asumir a depuración das súas augas residuais.

Pola súa banda, Marea presentará este xoves alegacións ó anteproxecto para o novo emisario submarino da ría de Pontevedra, no que se recolle a construción dunha cámara de carga e dunha estación de bombeo que se situarían fóra das actuais instalacións e incumprindo a distancia mínima a edificios e vivendas.

Dende a plataforma veciñal, indicaron que están dispostos a ceder no que se refire ó emisario e están de acordo con que a estación depuradora necesita unha reforma, pero reiteran que todo isto se ha de facer sen ampliar nin un só metro as actuais instalacións.

Aínda que o proxecto para a ampliación da EDAR non está presentado, na reunión que os veciños mantiveron con Augas de Galicia hai unhas semanas, puxéronse sobre a mesa catro posibles ubicacións en Lourizán, unha nunha xunqueira protexida e as outras tres nos Praceres.