O documental “Gestos” visibiliza ás persoas ostomizadas

Pontevedra> Para conmemorar o Día Mundial do Paciente Ostomizado, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá este venres, día 19, a proxección do documental “Gestos” e a presentación do videoclip “O resto da túa vida”. Con esta actividade, preténdese dar visibilidade a unha situación que afecta na provincia a dous milleiros de persoas.

O documental “Gestos” presenta a vida diaria de persoas coma un cativo de 3 anos ou unha muller embarazada portadoras dunha estomía, isto é, unha bolsa no abdome que suple un fallo nos sistemas intestinal ou urinario.

A xornada programada pola Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal, na que tamén se presentará o videoclip “O resto da túa vida”, pretende dar visibilidade a unha situación que afecta a máis de 70.000 persoas en España, 5.000 en Galicia, e 2.000 na provincia de Pontevedra.

Pontevedra é referente a nivel estatal para os pacientes ostomizados, xa que Montecelo foi o primeiro hospital español en contar cun aseo adaptado, e en breve se contará tamén cun baño ostomizado no Pavillón Municipal de Deportes.

Para todos aqueles que queiran coñecer máis de preto a situación deste colectivo, lembren que o documental “Gestos” se proxectará no Teatro Principal o venres, día 19, ás oito da tarde. A entrada será de balde ata completar aforo.