PONTEVEDRA> Hoxe, 21 de marzo, conmemórase o Día Mundial da Síndrome de Down. En Pontevedra fíxose visible colgando unha lona do balcón da Casa da Luz, un acto no que participaron membros da corporación municipal e representantes de Down Pontevedra Xuntos. Directiva e usuarios aproveitaron para recordar as súas reclamacións, reivindicando a importancia da inclusión das persoas con esta síndrome.
Para a asociación Down Pontevedra Xuntos, o 21 de marzo é un día de reivindicación. Hoxe celébrase o Día Mundial da Síndrome de Down.
O colectivo quere poñer o foco na falta de oportunidades laborais. Destacan que só un 5% das persoas coa síndrome de Down traballa en contornas ordinarias. Por iso queren dar visibilidade á importancia da inclusión.
Xuntos súmase ademais á campaña #ExtraCapacitados, posta en marcha polas entidades Down de toda España. Unha iniciativa que busca chamar a atención sobre algunhas das barreiras ás que se enfrontan estas persoas na procura dun traballo.
Un camiño que non poden percorrer con éxito se non contan co apoio das administracións públicas.
Unha das accións para conmemorar este día pode verse na Casa da Luz de Pontevedra. Representantes da asociación e da corporación municipal colgaron unha lona da balconada do edificio.











