PONTEVEDRA> O goberno de Pontevedra xa ten os apoios suficientes para sacar adiante a modificación de crédito na que está a traballar. O Partido Socialista anunciou hoxe que as negociacións mantidas co equipo do BNG foron frutíferas, polo que votarán a favor da aprobación. Segundo Iván Puentes, os nacionalistas aceptaron boa parte das propostas socialistas, permitindo acadar acordos por algo máis de 2,5 millóns de euros.
Fumata branca no concello de Pontevedra para sacar adiante unha nova modificación de crédito. O Partido Socialista anunciou hoxe que apoiará a súa aprobación.
A reforma do parque das Regas e das zonas verdes de Monte Porreiro, completar a conexión do saneamento das vivendas de Pontemuíños, a entrega de premios aos proxectos gañadores do GastroLab ou unha campaña de promoción para os comerciantes das Galerías Oliva, son algunhas das propostas do PSOE que se financiarán con esta modificación.
Ademais, nesta modificación de crédito comprométense fondos para outras cuestións nas que había xa acordos previos. É o caso da axuda concedida ao Río Verbena Fest, os cartos para pagar as achegas aos clubes deportivos ou o incremento dos fondos destinados ao mantemento dos colexios públicos.
A contía total da modificación de crédito que se aprobará en pleno é de 9,5 millóns de euros.











