Barro presenta o proxecto para construír unha nova Edar cun orzamento de 2,6 millóns de euros

BARRO> O Concello de barro presenta o proxecto para construír unha depuradora central. Cun orzamento que superaría os 2,6 millóns de euros, a nova Edar trataría os residuos de ata 3 mil persoas. O concello xa mercou unha parcela de 7 mil m2 como lugar idóneo para construíla.

O goberno de Barro ten como obxectivo acadar o saneamento completo do seu municipio. Un servizo que ata o de agora só chega ao núcleo urbano e a parte das parroquias da Portela e Curro. Para conseguir este obxectivo, o concello presenta o proxecto para construír a súa depuradora central.

O proxecto divídese en dúas partes. Coa primeira daríase servizo de forma inmediata a máis de 1200 persoas.

Coa segunda fase, ampliaríase o servizo para poder atender a 3 mil persoas.

O concello xa mercou as parcelas idóneas para construír a nova depuradora. Trátase dunha superficie de máis de 7 mil metros cadrados e tivo un custo de 53 mil euros. Co proxecto redactado e os terreos mercados, agora o concello deberá buscar a colaboración doutras administracións para poder financiar os 2,6 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí