A Compostela recupera a súa bandeira azul e Sanxenxo acada as 17

RÍAS BAIXAS> A praia da Compostela faise cunha bandeira azul. O areal vilagarcián recupera este distintivo unha década despois. Tamén suma tres novas bandeiras o Concello de Sanxenxo.  Na localidade van ondear este ano 17 bandeiras, manténdose como o concello galego que máis recoñecementos acada. En toda Galicia, máis dun cento de areais gozarán deste distintivo.

Sanxenxo mantense como líder absoluto a nivel galego e español na conquista de bandeiras azuis. Este verán, 17 areais do municipio gozarán deste recoñecemento. Son tres máis que o ano pasado, ó incorporarse nesta edición Area de Agra, A Lapa e O Espiñeiro. Estas dúas últimas é a primeira vez que reciben a bandeira por separado, xa que ata o de agora integraban un mesmo conxunto con Areas Gordas e A Nosa Señora da Lanzada.

No concello de Vilagarcía, a praia da Compostela recupera este distintivo, logo de quedar sen el hai unha década. Non será o único areal da cidade con este recoñecemento, xa que a praia do Campanario locerá un ano máis a súa bandeira azul.

Na nosa contorna, manteñen os seus distintivos a praia de Area Secada e O Bao, na Illa de Arousa e Cabeceira, en Poio.

Na comarca do  Barbanza, tan só unha novidade con respecto ó ano anterior. O areal de Coroso, en Ribeira, súmase á lista de praias con bandeira azul. Canda este areal, continúan con distintivo os de Barraña, Barraña-Saltiño e Carragueiros, en Boiro.

Máis alá das praias, fanse tamén con bandeira azul O centro de interpretación das Telleiras, en Sanxenxo e o Centro de Interpretación da Conserva, na Illa. Tamén se fan co recoñecemento os portos deportivos de San Vicente do Mar, no Grove, e o Real Club Naútico de Sanxenxo, que o recupera.

En toda Galicia, as bandeiras azuis van ondear este verán en 107 praias, pertencentes a 33 concellos distintos, mantendo a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia. A nosa comunidade acapara case un 20% do total de distintivos que outorgou este ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor.

Sumando o resto de bandeiras de portos deportivos e aulas da natureza, a nosa comunidade acada os 133 recoñecementos.

Os criterios para facerse con estas bandeiras céntranse na calidade da auga, na seguridade, na completa dotación de servizos, a súa accesibilidade ou a súa xestión ambiental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí