PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra ofrecerá á Xunta de Galicia sete parcelas en diferentes puntos da cidade para que valore a construción de vivenda pública. Os terreos suman un total de 16.000 metros cadrados que, segundo os cálculos do goberno local, poderían acoller ao redor de 170 novas vivendas. Unha medida que podería contribuír a conter os prezos do mercado na cidade.
O concello de Pontevedra aposta por abrir un novo capítulo de colaboración coa Xunta de Galicia e o Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción de nova vivenda pública na cidade.
Neste escenario, o goberno local ofrece ao autonómico ata sete parcelas para a construción de nova vivenda pública.A de maior tamaño, 7.500 metros cadrados, localízase en Valdecorvos e na actualidade acolle un aparcadoiro de bordo. Na zona da antiga Tafisa sitúase outro terreo, con 5.800 metros cadrados de edificabilidade. Entre os mil e os 2000 metros cadrados de superficie están as parcelas das rúas Amado Carballo, das Devesas e Poza dos Canos, e outra na Finca do Teucro. A máis pequena, de 735 metros cadrados, localízase na rúa da Barca.
Ademais, dende o concello tenden a man á Xunta para pechar a recepción de varias parcelas do barrio de Monte Porreiro que inicialmente se ían destinar á construción de vivenda. Un uso que xa foi desbotado.
A intención do concelleiro de Urbanismo era remitir hoxe este informe á Xunta de Galicia coas sete parcelas ofrecidas para que se estude a viabilidade dos proxectos.











