POIO> O PP de Poio celebrou esta mañá unha rolda de prensa para dar comezo a un novo curso político. Un curso que estará marcado pola crise do coronavirus. Por iso, os populares quixeron deixar claro hoxe que seguirán facendo unha oposición construtiva na que dean prioridade aos intereses dos veciños e veciñas do municipio.
O PP de Poio definiu esta mañá as liñas que marcarán este novo curso político. Un curso complicado pola crise da Covid e no que os populares darán prioridade aos intereses dos veciños e veciñas do municipio.
Neste sentido, os populares criticaron hoxe a actitude do Goberno local tras destinar tan só 35.000 euros á emerxencia social dos 12 millóns que había de presuposto.
Os populares iniciaron hai unhas semanas unha campaña para denunciar o abandono que estaban a sufrir diferentes parroquias por parte do Goberno local. Unha campaña que seguirá en marcha neste novo curso político.
Sobre a mesa dos populares tamén seguirá o obxectivo de conseguir uns impostos xustos para todos os veciños.
Ángel Moldes defendeu hoxe a oposición construtiva que, segundo el, está a realizar o seu partido no Concello e quixo mandar tamén unha mensaxe de confianza e tranquilidade a toda a veciñanza.