O Grove e A Pobra amencen este xoves con peche perimetral e da hostalería

O GROVE/A POBRA> Como xa  adiantou onte a Consellería de Sanidade, A Pobra do Caramiñal e O Grove pasan ao nivel máximo de restricións. As medidas entrarán en vigor esta media noite, despois de que o comité decidira adiantar a súa aplicación 24 horas. No resto de Galicia, a partires do venres 9 de abril volverán estar permitidas as reunións en domicilios entre non conviventes, cun máximo de 4 persoas en interior.

A Pobra do Caramiñal e O Grove espertarán mañá no nivel máximo de restricións. O comité clínico decidiu adiantar a entrada en vigor das novas limitacións que, nun principio, comezarían o venres.

Para frear os contaxios, o Sergas está a programar novos cribados. Na Pobra chamouse a 6.700 persoas de entre 25 e 65 anos. No Grove realizarán PCR a unhas 3.600 persoas entre hoxe e o sábado, con probas nos centros educativos e nos veciños de entre 19 e 49 anos.

A partires de mañá, tanto A Pobra como O Grove estarán pechados perimetralmente. Tamén pechará a hostalería, que só poderá atender os servizos a domicilio e para levar e estarán prohibidas as reunións entre non conviventes. Non así no resto de concellos galegos, que a partires do venres poderán volver xuntarse nos domicilios.

Estes límites aplicaranse tamén no caso de persoas non conviventes que compartan vehículo.

O comité clínico tamén impuxo novas restricións na Illa de Arousa, que pasa ao nivel alto. Isto supón que a hostalería só poderá atender en terraza e ao 50% de capacidade. Sanxenxo, pola súa banda, pasa ao nivel medio, no que continúa Meis.