VILAGARCÍA> Vilagarcía rende homenaxe ás vítimas do franquismo cun monumento. Foi inaugurado esta mañá no cemiterio de Rubiáns, preto do lugar onde debería estar a fosa común que, segundo as investigacións, albergaba 17 corpos. Familiares das vítimas, colectivos para a recuperación da memoria democrática e autoridades descubriron o memorial reivindicando a dignidade das persoas asasinadas tras o Golpe do 36 e pedindo non esquecer a historia para non volver a caer nos mesmos erros do pasado.
Así, un a un, deron hoxe lectura aos nomes das 17 vítimas da represión franquista que terían sido soterrados na fosa común do cemiterio de Rubiáns. Foi nun sentido acto, onde se descubriu un monumento que honra a memoria dos represaliados e asasinados tras o golpe militar do 18 de xullo do 36.
O monumento está emprazado detrás da capela. Segundo as investigacións, nesta fosa habería 17 vítimas, aínda que só se puideron documentar 12 soterramentos. Foi a primeira que se exhumou en Galicia, no ano 2009, seguindo os protocolos dos investigadores da Universidade de Santiago. As tarefas de exhumación que aquí se fixeron no 2021 só puideron confirmar que aquí non quedan xa restos humanos que permitan identificar ás vitimas. Sen presenza física, este monumento busca facer imborrable o seu recordo.
Co acto de hoxe culmina o proceso de reparación e dignificación das vítimas.
Acompañando aos familiares das vítimas e aos colectivos para a recuperación da memoria democrática, estiveron o Delegado do Goberno en Galicia e o alcalde de Vilagarcía.
E aproveitou o alcalde para indicar que a cidade deu pasos a prol da erradicación da simboloxía que enxalzaba a Ditadura, como a cruz dos caídos da igrexa parroquial ou o busto de Calvo Sotelo. Dixo que quedan pasos por dar como a revisión do rueiro, para eliminar del nomes relacionados co réxime.











