O 3º Encontro Provincial pola Inclusión promove a igualdade das persoas con diversidade funcional

Pontevedra> Os días 29 e 30 de outubro celebrarase en Pontevedra o 3º Encontro Provincial pola Inclusión, para promova a igualdade das persoas con calquera tipo de diversidade funcional. O encontro contará cunha xornada técnica e outra de convivencia.

O Encontro Provincial pola Inclusión celebrará a súa terceira edición cunha xornada técnica no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o 29 de outubro, e unha xornada de convivencia no pavillón Príncipe Felipe ó día seguinte.

Esta xornadas están encamiñadas a reflexionar e resaltar o papel e o esforzo das persoas con diversidade funcional, ademais de darlle visibilidade ó traballo que diferentes entidades da provincia desenvolven neste ámbito.

A xornada técnica abordará distintas cuestións relacionadas coas persoas con diversidade funcional, xerando un espazo onde expoñer boas prácticas dun xeito creativo. Na xornada de convivencia, de carácter lúdico, haberá exposicións de carteis, produtos artesanais e mostras de  traballos de diferentes asociacións, así coma un contacontos, e un espectáculo de maxia e humor.

Carmela Silva destacou a importancia de darlle visibilidade a un colectivo que en Pontevedra representa un 9% da poboación.

A xornada técnica ten un aforo  de 100 participantes e a xornada de convivencia de 250. As persoas interesadas en asistir  poden facer a solicitude a través da web da deputación ata este xoves ás 3 da tarde.