A reparación da rede de colectores, a actuación máis urxente para o saneamento da ría

Pontevedra> A reparación da rede de colectores dos concellos que derivan as súas augas residuais á depuradora de Praceres é a actuación máis urxente dentro do Plan de Saneamento da Ría de Pontevedra. Así o afirmou a conselleira de infraestruturas á saída da Mesa que reuniu esta mañá ás administracións e colectivos afectados.

A Delegación da Xunta en Pontevedra acolleu esta mañá a Mesa polo Saneamento da Ría, na que participaron as confrarías de mariscadores e bateeiros, os concellos de Pontevedra, Marín e Poio, e a propia Xunta de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas lembrou a urxencia da actuación na ría e indicou que, lonxe da improvisación, hai un plan baseado en amplos estudos técnicos.

Dentro das actuacións que se teñen que levar a cabo para sanear a ría, destacou a intervención na rede de sumidoiros por parte dos concellos implicados.

As obras de mellora na depuradora dos Praceres licitaranse e iniciaranse de maneira conxunta coas do novo emisario, para o que xa hai proxecto e para o que tanto o concello de Marín coma o de Pontevedra presentarán alegacións.

Sobre a ampliación da EDAR non hai novidades, se ben, de facerse, sería a medio prazo.

A tenente de alcalde de Pontevedra queixouse de non recibir ningunha información nova na reunión.

Pola súa banda, dende a confraría de mariscadores de Lourizán manifestaron ter a sensación de volver anos atrás.

As obras programadas dentro do Plan de Saneamento da Ría licitaranse entre finais deste ano e comezos do próximo.