PONTEVEDRA> Fin de curso do máis gastronómico no colexio de Campolongo, en Pontevedra. O centro encara o remate das clases co obradoiro gastronómico Horta Chef, unha proposta que levou ata o colexio algúns dos cociñeiros máis coñecidos da cidade. A actividade, organizada pola Asociación de Nais e Pais do centro, é o colofón do proxecto Horta Viaxeira. O prato que preparon hoxe foi a macedonia, guiados nin máis nin menos que polo chef Estrela Michelín Iñaki Bretal, do Eirado da Leña.
Con esta refrescante macedonia a rapazada do colexio Campolongo despediu a actividade Horta Chef.
O centro contou coa inestimable axuda de coñecidos chefs da cidade, que propuxeron ao alumnado a elaboración de diferentes pratos. Hoxe remataron con esta receita de macedonia, dirixidos nin máis nin menos que por un Estrela Michelín, Iñaki Bretal.
Toda unha aventura para a cativada que aproveitou para pasalo ben e tamén para aprender algún que outro truco.
Coas clases a piques de rematar, nenos e nenas reciben cos brazos abertos esta actividade. Rompendo un pouco a rutina que trouxo este curso tan raro para todos.
Os cociñeiros levaron como agasallo da ANPA estes garfos xigantes totalmente personalizados. O alumnado, mentres tanto, encheu bandullos e friameiras grazas a unha proposta na que aprenderon e se divertiron a partes iguais.