Deputación e Concello asinan un convenio para a organización de eventos culturais

Pontevedra> A Deputación e o Concello de Pontevedra asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades artísticas, culturais e de promoción da cidade. A institución provincial achegará preto de 472.000 euros para programas relacionados co cinema, a literatura, o deseño e a música.

Carmela Silva e Fernández Lores rubricaron un acordo polo que a Deputación de Pontevedra porá a disposición do Concello preto de 472.000 euros que se destinarán á organización de eventos culturais, artísticos e de promoción da cidade para o que resta do 2018 e para o 2019. A presidenta destacou que Pontevedra é referencia neste eido.

Os proxectos financiados con esta partida inclúen tanto citas habituais da cidade, coma novas propostas.

Lores destacou o importante investimento da deputación na cidade e subliñou a importancia do apoio ás iniciativas culturais.

Este convenio xorde dun acordo asinado ó inicio do goberno provincial con Pontevedra que  se basea no respecto á  autonomía do concello.

Ámbolos dous dirixentes destacaron a facilidade de entendemento e diálogo existente para por en marcha proxectos conxuntos. Neste senso, adiantaron actuacións de cara ó futuro como son as vías perimetrais de Montecelo, o despregue dos composteiros individuais nas parroquias ou colaboracións no eido deportivo.