O alcalde de Vilagarcía pide ‘un esforzo’ ás forzas da orde para atallar a vaga de roubos na cidade

244

VILAGARCÍA> Un bar en Vilagarcía e dous novos establecementos en Carril. A vaga de roubos que azouta a localidade segue sumando casos. O alcalde da cidade pídelle ós corpos de seguridade que incrementen os seus esforzos para acabar con estes incidentes. O rexedor, con todo, recoñece que o número de axentes da Policía Local é escaso. Dende o PP, pola súa banda, acusan ó goberno local de non ter tomado aínda ningunha medida.

O último establecemento de Vilagarcía no que os ladróns puxeron o foco foi este bar, o Pórticos, situado fronte á Praza de Abastos da localidade. Accederon ó seu interior a través dun burato e acabaron desvalixando a máquina comecartos. O ladrón ou ladróns actuaron rápido porque o dono, que vive xusto enriba, non foi quen de disuadilos. Cando se decatou de que estaba a soa-la alarma do local, asomouse pola fiestra da casa, pero só puido ver un coche liscando a toda velocidade.

Este non é o único caso das últimas horas. En Carril, ós tres roubos acontecidos na madrugada do sábado para o domingo, hai que sumar agora dous novos episodios: ocorreron en dous establecementos hostaleiros do paseo marítimo, o Esmorga e o Mar Adentro, que espertaron coas fiestras rotas.

Ante esta vaga de roubos que sofre o Concello, o alcalde da cidade fai un chamamento ás forzas da orde, para poñerlle couto á delincuencia que se propaga polo municipio.

O rexedor asegura estar en constante contacto coa Policía Local. Alberto Varela mesmo recoñece que, a pesar das últimas incorporacións, o persoal deste corpo é insuficiente.

O Partido Popular, pola súa banda, acusa ó goberno local de non facer nada ante esta vaga de roubos. Os populares indican que Ravella non tomou ningunha medida ó respecto e que, como consecuencia, disparáronse o número de incidentes. Insisten na necesidade de implantar un Plan de Seguridade, tendo en conta, ademais, que Vilagarcía lidera o ránking de cidades máis inseguras de Galicia.