POIO> Tempo de facer balance no concello de Poio. Cando se cumpren dous anos da chegada do Partido Popular de Ángel Moldes ao goberno, o alcalde teno claro: Poio está no seu mellor momento. O rexedor asegura que o municipio está a consolidar a súa transformación, contando con proxectos e subvencións en marcha doutras administracións por valor de 12 millóns de euros.
Dous anos despois da súa chegada á alcaldía de Poio, o popular Ángel Moldes considera que o concello está no seu mellor momento.
Segundo o rexedor, o municipio está a consolidar a súa transformación. Cambios que son posibles en gran parte aos 12 millóns de euros en investimentos doutras administracións que están previstos. Son, por exemplo, a humanización de Campelo á Seara, a senda entre Chancelas e Combarro, varias actuacións en parques infantís ou o impulso ao polígono industrial de Fragamoreira. Tamén a transformación da Barca.
Moldes tamén destacou a xestión do seu equipo á hora de ampliar os aparcadoiros dispoñibles no municipio e no referente ao contrato da auga. Un acordo que, asegurou, vai permitir 15 millóns de euros en investimentos na rede de servizos e saneamento.
A Unidade de Atención Temperá para menores de seis anos, os avances no primeiro Centro de Día de Poio ou a baixada de impostos como o IBI, son outras cuestións destacadas polo alcalde.
En canto ao investimento privado, Moldes destacou o interese de empresas como o supermercado Lidl. Tamén a organización de eventos de primeiro nivel como a saída de La Vuelta a España dende Poio que se celebrará en setembro.











