Uns 200 escolares vilagarciáns participarán este ano no ‘Panos brancos contra a droga’

VILAGARCÍA> Uns douscentos rapaces e rapazas de cinco centros de Vilagarcía van participar na novena edición do Torneo Panos Brancos contra a Droga. A iniciativa busca promover entre a mocidade valores asociados ó deporte e a unha vida saudable, afastada das drogas. Vaise celebrar este vindeiro venres en Fontecarmoa.

O vindeiro venres vaise celebrar unha nova edición, e xa van nove, do Torneo Deportivo Panos Brancos contra a Droga. Este ano, celebrarase en Fontecarmoa e calcúlase que van participar no evento uns douscentos mozos e mozas de Vilagarcía. Os de 1º e 2º da ESO participarán en probas de atletismo e baloncesto e os de 3º e 4º xogarán ao fútbol. O torneo, que leva parello moitas actividades divulgativas paralelas busca fomenta-los valores deportivos entre a mocidade, apostando por un estilo de vida saudable.

Este tipo de accións seguen a ser moi necesarias para afastar á mocidade do mundo das drogas. Un estado recente da Universidade de Santiago demostra que o coqueteo dos rapaces co alcol e outras substancias comeza a idades moi temperás.

Dada a importancia da prevención, este ano van participar no torneo alumnos de cinco centros vilagarciáns: o Armando Cotarelo, o Castro Alobre, o Fermín Bouza Brey e os colexios Sagrada Familia e San Francisco.

Os equipos gañadores desta edición local participarán despois nun torneo intermunicipal, con distintos colexios de toda a ría de Arousa.