O SALNÉS> Empresarios do sector da construción da comarca do Salnés daranse cita este venres en Vilagarcía para xerar sinerxías. A través dun networking o que se pretende é que o evento sirva de punto de encontro entre empresas e proxectos. A iniciativa está organizada pola Asociación Galega de Construción, que acaba de desembarcar no Salnés.
Unir forzas, coñecer proxectos, falar e compartir ideas. Isto é, en esencia, o que se consegue a través dunha iniciativa de networking. Este vindeiro venres a Asociación Galega de Construción, AGALCO, impulsa unha actividade deste tipo en Vilagarcía. A idea é reunir, dun xeito transversal, ó empresariado do sector.
O evento vaise celebrar este venres, ás 8 do serán, no Hotel Pazo O Ríal. A cita inclúe unha charla dun experto que afondará no concepto networking, como ferramenta de traballo en rede. A xornada culminará coas presentacións de cada un dos proxectos e empresas que participen no encontro.
Despois dunha fonda e longa crise, o sector da construción busca recupera-lo seu peso na economía. Partindo desta situación, naceu este novo colectivo, AGALCO, que busca unir forzas na procura dun obxectivo común. A Asociación, que cubre toda a provincia de Pontevedra, aspira a actuar no futuro en toda Galicia.
A participación neste networking conta con prazas limitadas. Os empresarios do sector da construción que desexen participar deberán face-la súa reserva a través do correo info@agalco.es.