Produtores, comercializadores, consumidores e cociñeiros danse cita en Cambados para analizar o sector da acuicultura

CAMBADOS> O presente e futuro da produción de moluscos nas rías galegas foi o eixo central da Caravana pola Acuicultura, celebrada hoxe en Cambados. A iniciativa, organizada pola Universidade de Santiago, congregou na localidade a investigadores, consumidores e, por suposto, produtores e comercializadores.

A acuicultura vista como unha actividade sostible e básica para o desenvolvemento das comunidades costeiras en Galicia. Este é, en esencia, o espírito da Caravana pola Acuicultura, unha xornada formativa impulsada pola Universidade de Santiago, que trouxo a Cambados a medio cento de persoas involucradas co sector.

O encontro serviu para coñecer polo miúdo a actividade e analiza-los retos de futuro do sector. Ademais dunha mellora da produtividade, os bancos marisqueiros deben enfrontarse a múltiples ameazas. Arestora, por exemplo, os investigadores traballan na erradicación dun parasito que fai mingua-la produción de berberecho.

As rías galegas, polas súas características, son únicas no mundo para a produción de moluscos. Para esta Caravana da Acuicultura apostaron pola de Arousa e, en concreto, polos bascos marisqueiros do Sarrido, ó pé da Torre de San Sadurniño. Na cita participaron profesionais procedentes de distintos sectores.

Esta xornada de toma de contacto co sector incluíu unha visita a unha batea e a un banco parisqueiro de a pé, coa intención de analiza-los modelos de cría e produción de moluscos. O encontro culminou dun xeito distendido, cunha degustación de produtos do mar.