O desfile de Meis inaugurará o Entroido no Salnés o vindeiro 14 de febreiro

MEIS> O Entroido de Meis volverá ser o máis madrugador do Salnés. O concello anuncia que as festas comezarán o vindeiro 14 de febreiro. E farano co desfile, o concurso, animación na rúa e 2.000 euros en premios. Só queda confiar en que o tempo acompañe.

O sábado 14 de febreiro o Entroido de Meis dará o tiro de saída a estas festas na comarca do Salnés. Sempre que o tempo acompañe, as cores dos disfraces e a animación musical percorrerá as rúas do municipio para rematar nunha festa na Praza de España.

O desfile será tamén concurso. Haberá diferentes categorías recollidas xa nas bases que o regulan. O concello repartirá 2.000 euros en premios.

Esta cita non ten rival no Salnés. O desfile de Entroido de Meis só coincide co de Pontevedra. Por iso animan a toda a veciñanza da comarca a participar.

Os interesados en participar poden inscribirse de xeito presencial ata o propio día do desfile ou a través da páxina web do concello de Meis.