AJE renova o seu acordo para a promoción do emprendemento

Pontevedra> A Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra renovou esta mañá o acordo de colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, asinado o ano pasado, para impulsar o emprendemento no Gaiás.

Co convenio asinado esta mañá, AJE e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, renovan o acordo ó que chegaron o ano pasado para a realización de actividades conxuntas para a promoción da cultura emprendedora, a contribución ó crecemento económico e a creación de emprego.

Entre outras cousas, o convenio contempla que os participantes no XXIII Premio Xove Empresario do Ano poderán volver a desfrutar, de maneira gratuíta, de dous espazos de coworking no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

A cesión do espazo e o acceso a tódalas infraestruturas e servizos do CEM para desenvolver os seus proxectos será por un ano e estará acompañado de formación e asesoramento.

Tamén se celebrarán, ó abeiro do acordo, varios eventos de networking que faciliten o establecemento de sinerxías entre profesionais.

AJE Pontevedra, pola súa banda, levará a cabo actuacións de promoción e difusión do Centro de Emprendemento da Cidade de Cultura de Galicia co fin de transmitir os seus valores e difundir as actividades que se realizan neste espazo, que ten prestado o seu apoio a máis de 600 empresarios noveis nos últimos 5 anos, e que na actualidade acolle a máis de 350 persoas. A xerente da Cidade da Cultura destacou que Pontevedra está cada vez máis presente no Gaiás.

O presidente de AJE aproveitou para lembrar que ata o domingo está aberto o prazo para presentar candidaturas ó premio Xove Empresario do Ano, para o que de momento se postulan oito persoas.