A vaga de roubos en Vilagarcía suma catro novos casos en Vilaxoán

VILAGARCÍA> A vaga de roubos en Vilagarcía suma catro novos casos. Desta volta, ocorreron todos en Vilaxoán. Os ladróns entraron nun ultramarinos e en dous bares. En conxunto, levaron un bo botín de cartos en efectivos e botellas de alcohol. Ademais, accederon a unha vivenda deshabitada na que pasaron a noite.

En tres xornadas, unha decena de establecementos afectados. A vaga de roubos en Vilagarcía suma e segue: desta volta rexistráronse catro novos casos en Vilaxoán nunha soa noite.

Nesta tenda de ultramarinos levaron varias botellas de whisky e lambetadas. De feito, segundo relata a súa dona –que prefire non facer declaracións a cámara- no propio local comeron varias barras de chocolate, deixando os envoltorios ciscados polo chan. Ademais, fixéronse coa recadación da caixa. A tenda está situada no Parque Dona Concha e, xusto ó seu carón, este bar, no que os ladróns tamén accederon. Entraron pola porta traseira, situada neste canellón.

Os ladróns non fixeron moitos danos para acceder ó bar. Con todo, Sonia reclama máis seguridade na zona. Hai tres meses que abriu o local e xa se tivo que enfrontar ó seu primeiro roubo.

Outro dos locais nos que accederon os ladróns foi o Bar de Epi. O local leva 28 anos aberto e esta é a primeira vez que sofre un roubo. O seu dono declinou falar a cámara, pero ensinounos algunhas imaxes de como quedou a máquina comecartos e a de apostas deportivas. O seu dono lamenta as perdas, tendo en conta que só na comecartos almacénanse normalmente uns 1.000 euros.

Se todo isto fose pouco, os ladróns culminaron a noite nunha casa deshabitada, pero en perfectas condicións. Os ladróns remexeron todo, levaron roupa e deixaron restos dos alimentos que, previamente, roubaran no ultramarinos.