Marea pide a Concello e Xunta que reabran o Asilo

PONTEVEDRA> Marea pide ó Concello de Pontevedra e á Xunta que comecen a dar pasos  para reabrir o Asilo. Consideran que esta medida sería a máis barata e rápida para darlle solución ó déficit de prazas en residencias para maiores que ten a cidade.

Reabrir o asilo que xestionaban as Irmás dos Anciáns Desamparados e que permanece pechado dende hai seis anos, sería, segundo Marea, a resposta máis adecuada á escaseza de prazas en residencias da terceira idade en Pontevedra. Así o declaraban esta mañá o voceiro municipal da agrupación, Luís Rei, e a parlamentaria Paula Verao.

Segundo Marea, a falta de prazas públicas é inadmisible nun país avellentado, e o rateo por habitante está moi lonxe do recomendado pola Organización Mundial da Saúde.

Coa campaña “Salvar o Asilo”, Marea empraza ó Concello, en colaboración coa Xunta, a rehabilitar as instalacións para devolverlle o seu uso. A formación aposta pola compra do inmoble ou, de non ser posible, pola expropiación.

A opción da rehabilitación sería a máis adecuada, segundo Rei, porque é máis económico e rápido, como se demostra en actuacións coma as realizadas na antiga sede autonómica de Benito Corbal.

Marea lembra que a Xunta anunciou ó principio da lexislatura unha residencia pública en cada unha das 7 cidades galegas, pero que aínda non hai ningunha.

Marea rexistrará unha moción para debater no Pleno municipal de novembro. Tamén presentará unha proposición non de lei no Parlamento para que a Xunta, competente neste eido, se implique nas xestións.