Un camioneiro agrede cun martelo a dous ciclistas

PONTEVEDRA> Brutal agresión a un dous ciclistas esta mañá en Pontevedra. Un camioneiro atacounos ás portas da factoría de ENCE, en Lourizán, armado cun martelo despois dunha discusión de circulación. Un dos deportistas tivo que recibir atención médica no Hospital Montecelo.

Un ciclista permanece hospitalizado en Montecelo tras ser agredido por un camioneiro cun martelo. O suceso produciuse esta mañá, despois dunha discusión de circulación entre a parella de deportistas e o transportista.

Segundo a versión que se coñece ata o momento, os ciclistas circulaban pola estrada de Marín a Pontevedra, en parella e pola beiravía. Despois dun treito detrás deles, o camión cargado de madeira púxose á súa altura e comezou a pitarlles e a insultalos.

Ao chegar ao cruce da factoría de Ence, o vehículo fixo un xiro brusco e a punto estivo de atropelar os dous ciclistas, segundo testemuñas. Cando os deportistas dirixíronse ao condutor para pedirlle explicacións, o home baixou da cabina armado cun martelo. Tras varios intentos e ameazas, golpeou a un deles no casco. Tamén chegou a lanzar unha das bicicletas contra o chan.

O deportista tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Montecelo cun traumatismo craneoencefálico. O camioneiro, pola súa banda, volveu ao vehículo trala agresión e conduciu ata o interior da fábrica. Alí os axentes da Policía Nacional conseguiron identificalo.

Tras coñecer os feitos, ENCE emitiu un comunicado rexeitando tallantemente a agresión, que cualificaron de comportamento incívico. A empresa comprometeuse a identificar ao transportista coa intención de denuncialo e tomar as medidas oportunas para que non volva traballar para a compañía. Tamén quixeron transmitir o seu apoio aos ciclistas afectados.