Ana Miranda insiste na existencia de vertidos no contorno da illa de Sálvora

RIBEIRA> A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, volve a insistir na problemática da existencia de vertidos no contorno da illa de Sálvora procedentes do dragado do río Lérez. A nacionalista insta á Comisión a comprobar esta situación e a verificar o cumprimento da Directiva Marco da Auga.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera moi preocupante a situación dos espazos incluídos na Rede Natura, como o caso do contorno da illa de Sálvora, polo que insta á Comisión Europea a vixiar o cumprimento das directrices comunitarias en materia medioambiental e ao respecto da Directiva Marco da Auga. Segundo ela o perigo que corre a illa de Sálvora, unha área mariña protexida, é un claro exemplo do desleixo das administracións cos diferentes espazos de gran riqueza ecolóxica, pesqueira e marisqueira existentes en Galicia, denunciando que tanto a Xunta como o goberno central autorizan o verquido de residuos de forma continuada neses espazos en lugar de protexelos. Para a nacionalista trátase dunha total irresponsabilidade, non só dende o punto de vista medioambiental, senón tamén económico, xa que están en xogo centos de postos de traballo do sector marisqueiro, pesqueiro e turístico. Ante esta situación, pide a a actuación da Comisión Europea,  e se verifique o cumprimento da Directiva Marco da Auga.