Máis de 70 adegas emocionan cos seus viños en Barro

BARRO> Barro viviu esta fin de semana “A Emoción dos Viños”. O evento cumpriu a súa oitava edición estreándose no Pazo da Crega, e congregando preto de 70 adegas de toda España e de Portugal. Unha cita na que os amantes dos viños puideron coñecer elaboracións moi diferentes, ás que é case imposible de acceder noutros circuítos.

Barro deixouse emocionar esta fin de semana. Barro e os centenares de asistentes que pasaron polo Pazo da Crega, atraídos por unha proposta difícil de rexeitar: poder catar as elaboracións de 70 adegas diferentes chegadas de toda España e Portugal.

A Emoción dos Viños celebrou os seus oito anos dende Barro. A cita naceu en Tui e, tralo paso o ano pasado por Celanova, este ano escolleu o municipio pontevedrés como escenario. Neste tempo, tense convertido nunha das citas máis importantes do calendario vitivinícola.

Os asistentes recibiron unha copa serigrafada coa que puideron degustar todos os viños. Ademais, as probas estiveron acompañadas polas explicacións dos adegueiros responsables da súa elaboración. Un privilexio do que poucas veces se pode desfrutar.

Elaboracións das diferentes Denominacións de Orixe galegas compartiron espazo e experiencias con outras chegadas do Penedés, de Xerez ou dos Vinhos Verdes de Portugal. Unha oportunidade para poñer a traballar, e a gozar, os cinco sentidos.