Un falecido nun accidente laboral en Poio tras caer dun tellado

POIO> Falece un home nun accidente laboral no concello de Poio. O operario estaba a traballar no tellado dun edificio da avenida da Barca cando se precipitou ao chan. Cando chegaron ao lugar, os sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Xornada tráxica no concello de Poio. Un accidente laboral deixou este mediodía unha vítima mortal. O operario atopábase traballando no tellado dun edificio en rehabilitación da avenida da Barca. Ao redor das 3 menos cuarto da tarde precipitábase dende unha altura dun cuarto piso a un patio interior.

Segundo apuntaron testemuñas do suceso, o falecido sería un veciño da parroquia de Vilalonga, en Sanxenxo, e dono da empresa que está a acometer a reforma.

Ata o lugar desprazouse unha ambulancia do 061, pero os sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida. Tamén participaron no dispositivo efectivos da Policía Local de Poio, da Garda Civil, do GES de Sanxenxo e de Protección Civil de Poio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí