A confraría noiesa decláralle a guerra aos residuos mariños

NOIA> Esta mañá presentábase o proxecto Econoia. A iniciativa  ten coma obxectivo a redución dos residuos mariños. No acto, que se desenvolveu nas instalacións da Sociedade Liceo Noia, participou a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, quen destacou a importancia do proxecto.

O proxecto Econoia ten unha finalidade clara, que non é outra que reducir a enorme cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras. A iniciativa está impulsada pola confraría de pescadores de Noia no marco do proxecto Mar Limpo, promovido pola consellería do Mar e que conta con financiamento europeo. Desenvolverase durante os dous próximos anos e conta cun investimento que supera os 200 mil euros.

No acto de presentación de Econoia tamén tomou parte a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, quen incidiu na importancia do proxecto de cara a garantir un entorno costeiro e mariño limpo, saudable e produtivo. O proxecto presentado polo pósito noiés é unha das seis iniciativas en toda Galicia apoiadas pola consellería do Mar no marco das axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar.

Ademais da xornada formativa desenvolvida hoxe, o proxecto contempla tamén a realización de varias exposicións e xornadas de sensibilización ambiental.