Os vieireiros de Cambados súmanse a un proxecto de limpeza de fondos mariños

CAMBADOS> Os vieireiros de Cambados súmanse a unha campaña de limpeza de fondos mariños. Dende hoxe e ata o mércores compaxinarán o seu traballo coa recollida de refugallos, no marco dun proxecto europeo. O obxectivo é estudar cal é o mellor xeito de retira-lo lixo dos fondos mariños.

Os barcos da confraría de Cambados teñen dende hoxe unha tarefa adicional. Ata o vindeiro mércores van compaxina-lo seu traballo coa limpeza dos fondos mariños. Este cometido forma parte dun proxecto europeo, o Clean Atlantic, que está a estudar cal é o mellor xeito de eliminar, dende os barcos, o lixo do mar. Aquí está coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar.

Na campaña da frota de volandeira conseguíronse retirar 3.000 quilos de refugallos. Unha vez rematada a campaña de recollida de lixo dos vieireiros, vaise analizar con que arte se logran uns resultados mellores.

Ademais, o proxecto serve para que os traballadores do sector tomen conciencia.

Parellas ás actividades que se están a facer en Galicia, mariñeiros do Reino Unido están a desenvolver unha campaña semellante nestes mesmos momentos. En total, cinco países membros da Unión Europea forman parte do Clean Atlantic.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí