O reto do cole de Meis: vender 850 pulseiras a cambio dun desfibrilador

MEIS> Os alumnos do colexio do Mosteiro, en Meis, queren un desfibrilador. Para conseguilo, comezaron a vender pulseiras solidarias, a tres euros. Terán que vender 850 para poder facerse coa máquina. En poucos días xa venderon a metade.

850 pulseiras a cambio dun desfibrilador. Ese é o reto que puxeron en marcha no colexio do Mosteiro, en Meis. No centro levan xa varios anos aprendendo sobre a reanimación cardiopulmonar e froito desa concienciación agora queren ir un paso máis alá. A través da venda destas pulseiras pretenden conseguir un desfibrilador para o centro. Son 850 e estanas vendendo a tres euros.

Polo de agora levan vendidas a metade das pulseiras. A intención é que, ademais de facerse co aparello, a Asociación que impulsa esta iniciativa lles facilite nova formación tanto ós mestres como ó alumnado. Miguel hai xa tres anos que comezou a falarlle ós seus alumnos sobre esta materia. Axudado por bonecos que lles cede o 061. Polo que nos conta, o contacto dos rapaces coas manobras de reanimación é fundamental.

Segundo nos explica Miguel outra das vantaxes de dispor dun desfibrilador no centro é que se podería recorrer a el alén do recinto. Por exemplo, se houbese algunha emerxencia nas proximidades, podería ser empregado.

No cole do Mosteiro case que tódolos alumnos se fixeron xa coa súa pulseira. Unha delas explicábanos esta mañá os obxectivos desta campaña .

Así que xa o saben, se vosteden tamén queren colaborar poden botar  unha man e facerse con esta pulseira. Detrás dela hai moita solidariedade, pero, sobre todo, moita vida.