PONTEVEDRA> As familias do colexio de Campolongo, en Pontevedra, denuncian recortes no profesorado de apoio ao alumnado con necesidades especiais. A redución de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe deixou baixo mínimos a atención que reciben os case medio cento de nenos que precisan deste apoio no centro. Hoxe as familias repartiron adhesivos en forma de corazón diante da delegación da Xunta en Pontevedra para reclamar unha reunión coa inspectora de educación. Encontro que agardan dende o pasado 1 de decembro.
No colexio de Campolongo este curso comezou con malas novas para o alumnado con necesidades especiais: a redución de especialistas de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica.
Verónica é nai dunha alumna de 11 anos con xordeira profunda bilateral, implante coclear dobre e, a maiores, un trastorno da aprendizaxe asociado. Á redución do apoio dos especialistas súmase a avaría dun dispositivo que precisa para minimizar o ruído ambiental que o centro non pode solicitar sen o visto bo de Educación.
Unha situación difícil que xa se está a notar no seu proceso de aprendizaxe.
A filla de Verónica é tan só unha dos 43 alumnos do colexio afectados por este recorte. Pequenos con discapacidades ou necesidades de apoio que non están cubertas.
O centro comunicoulles a situación o pasado 6 de novembro e as familias comezaron a mobilizarse. O 1 de decembro do 2025 solicitaron unha reunión coa inspección de Educación que aínda non foi atendida. No seu lugar, foron remitidos á Valedora do Pobo.
Ademais dunha solución para esta problemática, demandan un reforzo do servizo de orientación.
Hoxe mobilizáronse ás portas da delegación da Xunta en Pontevedra. Co gallo do día de San Valentín, repartiron adhesivos con forma de corazón para reclamar a reunión coa Inspectora. Unha protesta que repetirán a vindeira semana para seguir esixindo unha explicación e a recuperación deste apoio clave para os seus fillos.











