Valga cambia arte por produtos de primeira necesidade

Valga cambia arte por produtos de primeira necesidade

VALGA> En Valga a arte é solidaria. O Auditorio acolle este mes unha exposición do Centro de Día da Rede da Xunta de Galicia que plantexa unha orixinal proposta: tornar pinturas ou outros elementos de artesanía por comida ou produtos de hixiene. Todo o recadado destinarase a Cáritas.

A arte amosa a súa cara máis solidaria en Valga. É no marco da iniciativa “Troca arte por alimentos”, un proxecto no que pinturas e elementos de artesanía se pagan con produtos de primeira necesidade.

Todas as pezas que compoñen a mostra son doazóns de particulares, entidades do concello ou labores realizados polos usuarios do Centro de día da Rede da Xunta de Galicia. Moitos xa levan anos participando, animados polo seu carácter solidario.

A iniciativa parte do Centro de Día da Rede da Xunta de Galicia, conta coa colaboración do concello de Valga e cumpre xa a súa quinta edición. Permanecerá aberta ao público ata finais de mes, e entre os días 20 e 30 realizaranse os trocos.

Como en anos anteriores, “Troca arte por alimentos” está a ter unha gran acollida entre a veciñanza. Así que non se despiste se queren levar para as súas casas unha destas pezas artesás e, sobre todo, solidarias.