O CPI Santa Lucía avanza na súa aposta pola eficiencia enerxética

MORAÑA> A Conselleira de Educación comprobou sobre o terreo os resultados das obras no Colexio Plurilingüe Santa Lucía de Moraña. Os traballos da Xunta dirixíronse a mellorar a eficiencia enerxética do centro, de aproximadamente cincuenta anos de antigüidade. As actuacións supuxeron un investimento de 476 mil euros.

Illamento térmico da fachada, calefacción de biomasa ou a substitución das luminarias. Estas son algúns dos cambios que experimentou o colexio plurilingüe Santa Lucía de Moraña nos últimos anos. O centro a piques de cumprir os 50 anos, foi obxecto de varias intervencións da Xunta.

A Conselleira de Educación visitou esta mañá os resultados destas intervencións, que supuxeron un investimento de 476 mil euros. Cambios que, ademais de mellorar as condicións do colexio, buscan un aforro enerxético grazas á maior eficiencia.

Tanto dende a dirección do centro educativo como dende o concello amosáronse satisfeitos cos resultados das intervencións. Así as cousas, aproveitaron a visita da conselleira para facer novas peticións.

No referido a iniciativas en colaboración con outras entidades, o CPI Santa Lucía tomou parte en varias accións do Plan Proxecta, e desenvolve programas de mobilidade dentro do Erasmus+.