Zona Aberta traslada as demandas dos pequenos negocios de Vilagarcía ao director xeral de Comercio

VILAGARCÍA> A Xunta de Galicia reforza a colaboración co comercio local de Vilagarcía. Esta mañá, o director xeral de Comercio mantivo un encontro con representantes de Zona Aberta, que aproveitaron a súa visita para trasladarlle algunhas das principais preocupacións do sector. Son, por exemplo, afrontar os retos e impulsar a remuda xeracional.

Coñecer de primeira man as preocupacións do comercio local foi o obxectivo da visita que esta mañá realizou o director xeral de Comercio á sede de Zona Aberta, en Vilagarcía.

Dende Zona Aberta trasladaron as principais inquedanzas dos seus asociados. Unha listaxe na que a remuda xeracional ten un peso especial. Para o comercio local vilagarcián, é unha posibilidade que se debe promover.

Neste sentido, Gabriel Alén destacou o traballo da Rede de polos de emprendemento da Xunta, que conta con 15 oficinas en funcionamento a través das que se presta apoio ás persoas que desexan emprender, con especial atención ao sector comercial, incluíndo un escaparate de negocios dispoñibles para procesos de remuda.

Durante a reunión, Alén puxo en valor o apoio da Xunta ao sector a través das medidas recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025- 2030. Documento que contempla entre outras actuacións as orientadas á dixitalización e modernización do comercio. Tamén á súa dinamización, como é o caso dos Bonos Activa Comercio.