Os ladróns entran roubar na mesma noite nun bar de Vilagarcía e noutro de Meis

O SALNÉS> Continúa a vaga de roubos no Salnés. Desta volta, e nunha soa noite, foron dous os bares afectados: un en Vilagarcía e outro en Meis. Os seus donos cren que foron os mesmos ladróns os que entraron nos dous establecementos. Segundo relatan, en menos de 30 segundos, deron accedido ó interior dos locais.

30 segundos non parecen moito tempo, pero seica é suficiente para entrar roubar nun local. Así de rápidos foron os ladróns que accederon a dous bares, un en Vilagarcía e outro en Meis, nunha soa noite.

Neste de Vilanoviña, famoso por ser parada habitual da fortuna, os amigos do alleo entraron forzando esta porta. Asaltaron a rexistradora, onde había uns 300 euros, e a máquina comecartos.

Dáse a circunstancia de que Casa Samuel está en reformas, o que obrigou a traslada-lo bar ó local de enfronte, onde as medidas de seguridade son máis limitadas.

Na mesma noite, pero en Vilagarcía, entraron roubar nesta cafeteria. Tanto os seus responsables como os de Casa Samuel téñeno claro: estamos ante o mesmo grupo de ladróns. Seica eran tres e ían nun Ford Focus Vermello.

Carlos lamenta os danos ocasionados, coa cristaleira rebentada e tamén coa máquina comercartos inservible: entre unha cousa e outra calcula que uns 2.500 euros. Di estar indignado, pero especialmente co trato que está a recibir por parte da Policía Nacional e aproveita para reclamar un incremento da súa presenza na zona.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra anunciou hai xa un par de semanas a súa intención de trasladar a Vilagarcía axentes da Policía Nacional doutras comisarías. Unha solución que os sindicatos tachan de parche, ó deixar desatendidas outras zonas.