CAMBADOS> Cambados súmase, como tódolos anos, á conmemoración do Día do Orgullo. A praza da Xuventude é o escenario elixido para ler mañá o manifesto da FEMP, nesta ocasión baixo o lema ‘orgullo de país’. Ademais, o concello programa para o mes de xullo a súa primeira Festa da Diversidade, unha iniciativa transversal a prol de igualdade entre tódalas persoas.
Cambados volve tinguirse de tódalas cores para conmemora-lo Día do Orgullo LGTBIQ+. O alcalde da localidade será este ano o encargado de le-lo manifesto da Federación Española de Municipios e Provincias. Será mañá ao mediodía nun acto que, por vez primeira, terá lugar na praza da Xuventude. O rexedor reivindica a necesidade de loitar polos dereitos do colectivo non só o 28 de xuño, senón que ao longo de todo o ano. Samuel Lago entende que estamos nun momento crucial no que, fronte a políticas excluíntes, cómpre seguir avanzando cara a igualdade.
Ademais, o concello está a traballar tamén na súa primeira Festa da Diversidade. Trátase dunha inicitiva transversal cun obxectivo amplo, no que participará non só o colectivo LGTBIQ+, senón que tamén outro tipo de entidades sociais, como AMBAR ou GaliciAME. Precisamente, a cita incluirá un bingo solidario para recadar fondos para Merchi Álvarez.
Outra inciativa que tamén xa se está a preparar en Cambados é o Simposio LGTBI Galicia, centrado este ano no fomento da diversidade en igualdade.
O simposio LGTBI acadará neste ano a súa sexta edición, como sempre congregando en Cambados voces da nosa contorna, pero tamén expertos a nivel internacional.