Aprobado inicialmente o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Pontevedra

PONTEVEDRA> Aprobado inicialmente o PMUS de Pontevedra. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible da cidade inicia agora un período de exposición pública ata finais de agosto. O Concello deseñou un proceso participativo con diferentes conferencias polos distintos barrios, coa idea de que a veciñanza poida face-las súas achegas. O goberno local cualifica de ‘fito’ a aprobación deste documento.

A Xunta de Goberno Local de Pontevedra aprobou esta mañá o Plan de Mobilidade Urbana Sostible da cidade. O coñecido como PMUS recolle as distintas opcións de mobilidade do concello, fomentando os medios alternativos e máis respectuosos por riba do vehículo privado. O documento é unha obriga imposta pola Lei de Cambio Climático, que o concello cualifica de ‘fito’.

Coa aprobación inicial do PMUS ábrese agora unha fase de exposición pública que rematará o vindeiro 31 de agosto. Neste tempo o concello quere impulsar un proceso de participación activa con actividades e conferencias abertas á veciñanza dos distintos barrios.

Pola súa banda, o PP cualifica de incompleto este Plan de Mobilidade Urbana Sostible, entendendo ademais que só vai servir para pechar máis rúas ao tráfico. No goberno local non se amosan sorprendidos coa postura dos populares.

A exposición pública itinerante comezou hoxe na praza da Constitución, en Campolongo. Despois trasladarase a Barcelos, Monte Porrreiro e O Burgo.