A Deputación colaborará co concello de Pontevedra na organización da gala dos Feroz 2026

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra colaborará co concello na organización da gala dos Premios Feroz que a cidade acollerá en xaneiro do 2026. O organismo provincial achegará 300.000 euros para contribuír á organización deste evento que, segundo apuntaron dende as dúas administracións, transcende á cidade. Ademais, tanto o presidente Luis López como o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aseguraron que confían en seguir realizando acordos deste tipo de cara futuras citas.

A Deputación de Pontevedra contribuirá á organización da gala dos Premios Feroz que en xaneiro do 2026 acollerá a capital de provincia. Hoxe a administración provincial asinou un convenio co concello polo cal achegará 300.000 euros para este evento.

Esta contía supón un incremento de 100 mil euros respecto da achega do ano pasado. Dende a Deputación consideran que este acordo é unha nova mostra de colaboración institucional co concello de Pontevedra, dixo o seu presidente, no fondo e nas formas.

O acordo chega despois de varias acusacións cruzadas entre a Deputación e o concello co gallo dos investimentos do goberno provincial na cidade. Agora, os dous líderes subliñaron o seu compromiso por seguir formalizando novos acordos que beneficien á cidade.

A gala dos Premios Feroz celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro 24 de xaneiro de 2026.