Científicos galegos logran un fito histórico ó reproducir polbo en catividade

BARBANZA> Tras dúas décadas de investigación, un grupo de científicos dos centros oceanográficos de Vigo e Tenerife vén de acadar un fito internacional: a reprodución de polbo en catividade.

As novas técnicas de cultivo e alimentación empregadas permitiron mellorar a supervivencia e crecemento das larvas cunha metodoloxía máis rendible. Era o paso que faltaba para completar o ciclo biolóxico da especie posto que o engorde dos exemplares xuvenís a adultos leva xa anos en práctica con exemplares capturados no mar.

O polbo común ten un ciclo curto de vida pero con potencial de crecemento polo que se trata dunha especie idónea para o cultivo en catividade. O seu interese comercial, cun notable incremento da demanda nos últimos anos, así como a escaseza de recursos que veu lastrando as últimas campañas motivaron o incremento das investigacións científicas para o seu cultivo.

Aínda así é difícil aventurarse a fixar datos sobre cando podería incoporarse polbo criado en catividade ó mercado. Queda por diante un longo camiño ata chegar a índices de produción industrial.

Polo momento, o Instituto Español de Oceanografía e Nova Pescanova veñen de suscribir un contrato polo que a empresa conta cunha opción preferente de licenza da patente para a súa explotación comercial.