RIANXO> A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, aproveitou a súa visita a Rianxo para supervisar o avance das obras de rehabilitación que se están a levar a cabo actualmente no Pazo do Martelo, un edificio histórico, declarado Ben de Interese Cultural que alberga a biblioteca municipal.
A actuación, cun orzamento de preto dos dous millóns de euros, está financiada a través do Programa de Impulso e Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), do Plan de Recuperación.
O rexedor rianxeiro destacou a importancia destes fondos, que lle permiten ó Concello poder desenvolver unha actuación desta envergadura, que sería impensable só cos fondos propios.











